O Concello do Rosal volve traer este verán unha proposta de lecer para desfrutar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. Deste xeito, durante os meses de xullo e agosto organizaranse un total de 26 visitas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores que se dividirán en tres modalidades diferentes, unha delas dirixida a público familiar.
As persoas interesadas poden inscribirse xa nas:
- Visitas guiadas á ruta dos muíños do Folón e do Picón (PR-G 94), de 3,5 quilómetros de percorrido, homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se afondará na descrición e historia dos muíños.
- Visitas guiadas para familias nos muíños, con percorrido e contidos adaptados á idade das persoas participantes e onde cativas e cativos terán que ir resolvendo unha serie de probas axudados polas súas familias. Está indicado para menores de entre 4 e 8 anos.
- Visitas polo Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (PR-G 112), unha ruta de 7,2 km homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se irá facendo unha descrición e explicación da fauna e da flora e da historia das diferentes parroquias que atravesa.
Son todas rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán estes recunchos do Rosal da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia. Para garantir as distancias de seguridades entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención, os grupos estarán limitados a 15 persoas. Recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga e o uso de máscara será obrigatorio.
As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na web municipal, incluídos os menores, que tamén deben pagar e facer a pertinente inscrición. As persoas interesadas poderán reservar a súa praza ata dúas horas antes do inicio da ruta e abonar o prezo do banco. A reserva só será válida unha vez sexa efectuado o pago e, para maior seguridade, é obrigatorio levar o ticket de reserva e o xustificante de pago.
Información turística
As medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID-19 desaconsellan tanto a presenza de público en espazos reducidos como o reparto de material informativo en papel, polo que o Concello do Rosal decidiu non abrir ao público de novo este ano a oficina de turismo situada ao pé dos muíños do Folón e do Picón. A información estará dispoñible en paneis informativos ao longo da ruta, que conta con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que a través dun código QR poden visualizarse vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro. Toda esta información tamén pode consultarse na páxina web municipal.