O Río Miño e a súa contorna vén de ser elixido na edición internacional do xornal «The Guardian» como un dos dez mellores destinos turísticos dentro de Portugal polas características dos seus espazos naturais, os deportes de aventura, sendas e ecovías, zonas de campismo, as súas augas termais e a súa gastronomía.
Así o reflexaron as e os lectores da publicación británica nun listado dos ‘top 10’ destinos do país veciño. Esta selección feita polo público potencial do territorio miñoto debe abrir os ollos, segundo o vicedirector do AECT Río Miño Uxío Benítez, a todos os concellos do territorio transfronteirizo, tanto galegos coma portugueses, para ver as potencialidades de ollar turisticamente cara o río, crear un destino internacional conxunto e aproveitar os recursos dunha e doutra beira de maneira conxunta. “O río Miño é un recurso conxunto. Temos que ver a oportunidade que temos diante para atraer turismo a unha zona común que é atractiva pola súa singularidade natural. É fundamental apostar pola marca conxunta Rio Minho”, subliñou.
Para Benítez hai que poñer en valor a complemetariedade entre ambas beiras, lembrando todas as actividades dispoñibles e que se están a desenvolver nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço.
Benítez destacou que é preciso posicionarse globalmente como un destino turístico transfronteirizo natural de calidade dentro dun mercado internacional no que, tal e como mencionaron a semana pasada as persoas participantes no famtrip que pretendía dar a coñecer o territorio como destino turístico – entre operadores e axencias de viaxes-, o público está a buscar experiencias singulares, exclusivas e naturais en contenxtos non masificados.
O nacionalista lembra que o AECT está a traballar no desenvolvemento da marca Río Miño baixo os lemas ‘dous países un destino’ e ‘dous países, un destino, grandes experiencias’. Subliñou que se trata dun traballo estratéxico no que se afondará de maneira prioritaria nos vindeiros anos buscando fórmulas de financiamento tanto a nivel europeo, estatal, autonómico como por medio doutras vías.