O Concello de Tomiño homenaxeará este ano nas súas Festas do Alivio á chef tomiñesa Toñi Vicente, unha profesional de recoñecemento internacional “pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller e que, a pesares de ter alcanzado o máis alto prestixio, sempre tivo moi presente á súa terra alí onde foi”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Unha homenaxe que colleu por sorpresa á cociñeira, que se sinte “moi honrada e agradecida, é moi emocionante que recoñezan na túa terra o labor de tantos anos”. A pesar dos numerosos premios ás súas costas, “ser a persoa homenaxeada nas Festas do Alivio é moi especial, porque significa regresar á túa terra e sentir o seu agarimo, o cariño da túa xente. Estou tan nerviosa coma se fora a primeira vez”. “Quero agradecer á alcaldesa e a toda a corporación municipal esta honra, para min é un orgullo. Sinto que me acolleron con todo o cariño e só podo dicir grazas, grazas e grazas”, recalca.
Toñi Vicente conta cunha extensa traxectoria profesional. Iniciouse na cociña con tan só 7 anos da man da súa nai e xunto aos seus cinco irmáns e ao seu pai, gran mestre de cerimonias no restaurante Casa Delmiro.
En 1982 inaugurou en Vigo o ‘Síbaris’ xunto co seu marido Camilo Pardo e non tardou en recoller numerosas distincións, aínda que non foi ata 1989 cando conseguiu a estrela Michelín. Unha distinción que máis tarde revalidaría en Santiago de Compostela e que supuxo un antes e un despois na súa fulgurante carreira. Foi neses intres cando comezou unha etapa na que os seus pratos estaban presentes en ceas e comidas para os presidentes de España, Portugal e Galicia, para o Premio Nobel Camilo José Cela, en cruceiros de luxo…
Entre os seus importantes galardóns figuran o primeiro Challenge Européen de la Gastronomie, a medalla de prata de Galicia en recoñecemento ao seu labor, o Premio Nacional de Gastronomía como mellor xefa de cociña no ano 1997, viguesa distinguida ou, entre outros moitos, Premio Galicia en Feminino no apartado de creatividade en 2005.