Ademais da construción da rotonda para regular o tráfico, instalaranse tamén elementos redutores de velocidade, delimitarase unha zona de circulación peonil e unha nova parada de autobús, e construiranse novos servizos de alumeado e drenaxe.
Segundo indica o departamento de Mobilidade, está previsto realizar a obra sen afección ao tráfico salvo durante os asfaltados, cunha previsión de execución de cinco meses, polo que a nova glorieta estará finalizada e operativa antes de finais deste ano.
A mellora da seguranza viaria na zona vén obrigada debido a que non existe un itinerario peonil seguro, posto que non hai cunetas e a beiravía está invadida de maleza, e a que a parada do autobús escolar existente non está convenientemente sinalizada, convivindo de xeito perigoso os tránsitos de persoas, coches e autobuses.
O proxecto inclúe unha ampliación da calzada para a instalación da rotonda, onde será preciso un pequeno desmonte. A nova intersección terá unha ronda cun diámetro exterior de 28 metros e dous carrís de catro metros cada un. Disporá de áreas con espazos de sección media útil de 2,5 metros para os peóns na zona da parada de bus, e crearase unha nova rede de alumeado público con 10 unidades de iluminación led, catro delas nunha columna no anel interior da nova glorieta.