Tomiño fai vibrar o seu pasado con música de todos os tempos. O Concello volve poñer en valor o seu patrimonio románico cunha nova edición de Música&Románico, un ciclo musical que durante o mes de xullo acollerá catro concertos que terán como escenario xoias únicas do século XII: as igrexas románicas de Santa María de Tebra, Santa María de Tomiño, San Vicente de Barrantes e San Salvador de Tebra.
Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, este ciclo destaca pola súa importancia a nivel histórico e cultural, xa que “Música&Románico é unha ocasión única para poñer de relevo e gozar do noso patrimonio dun xeito especial. Cada ano este ciclo permite que a música encha de vida os nosos templos románicos, facendo que a historia e a cultura se unan nunha experiencia inesquecible para o público”.
A primeira cita con esta nova edición será este xoves 5 de xullo baixo a batuta de Tor, un grupo de folk céltico cun repertorio de temas instrumentais tomados da tradición galega. A agrupación musical ten as súas raíces en 1992 e dende entón non deixou de continuar madurando para conformar un son acústico autenticamente vintage, similar aos clásicos do folk celta e, ao mesmo tempo, acorde cos traballos actuais do folk atlántico europeo.
A gaita, a frauta de madeira, o acordeón diatónico e outros instrumentos máis atípicos como a angloconcertina guían a liña melódica da tradición galega, cuxa parte harmónica se completa co buzuqui e o contrabaixo. O concerto será na Igrexa de Santa María de Tebra ás 20:30 horas con entrada libre ata completar aforo.
Cada venres do mes de xullo ás 20:30 h haberá unha nova cita de Música&Románico, que nos levará o 12 de xullo ata a igrexa de Santa María de Tomiño da man de Simant Dúo, o 19 de xullo á igrexa de San Vicente de Barrantes con Mallou e o 26 de xullo á igrexa de San Salvador de Tebra con Boroa.
Este ciclo musical, que brilla con luz propia e cada ano acada novos éxitos, é unha mostra máis do compromiso do Concello coa rica herdanza cultural e cultural de Tomiño e co desenvolvemento de actividades que acheguen á veciñanza ao seu patrimonio dun xeito orixinal e único.
Humor este xoves
Ao abeiro da programación cultural de verán, a Praza da Mina converterase este xoves 4 de xullo no escenario de ‘La Fête’, unha proposta que forma parte de ‘Rogelio. A triloxía da soidade’ coa que o actor Dani Blanco fará desfrutar ao público cunha mestura de circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito, moito humor para todos os públicos.
A personaxe máis querida do circo galego chega a Tomiño para celebrar o seu aniversario en escena. Teno todo listo: agasallos, tarta, karaoke… Só lle falta unha cousa: os seus amigos e amigas. Só no escenario agarda por eles e elas mentres ofrece un espectáculo que amosa a traxicomedia da vida e fai rir a gargalladas ao público.
Unha obra inesquecible que combina moitas artes escénicas cunha historia que toca o corazón e culmina unha triloxía coa que Urdime explora a soidade de Rogelio dun xeito único e cativador. A representación será ás 19.30 horas con entrada de balde.