O mestre Manuel Garcés Estévez, que da nome a Centro Rural Agrupado de Tomiño, faleceu este pasado domingo na parroquia de Estás aos 88 anos. Manuel Garcés foi o nome escollido hai preto de vinte anos polos profesores do Centro Rural Agrupado para homenaxear a este profesor que se xubilou despois de adicar a súa vida ao ensino rural.
Manuel Garcés foi mestre en Mougás (Oia), en Pías (O Rosal), Amorín (Tomiño) e xubilouse na parroquia de Estás despois de ensinar durante 27 anos na pequena escola da Fundación Peirópois, construída grazas ao benfeitor Abdón Alonso. A escola de Estás na que tamén deu escola o seu pai é un dos exemplos de “escolas indianas” ou da emigración construída grazas á filantropía dos que marchaban alén mar.
No total da súa vida foron 59 anos adicados ao ensino, nun momento no que as escolas rurais acollían entre sesenta e setenta rapaces de todas as idades. Aqueles escasos anos de escolarización rural eran a única oportunidade para moitos nenos de ter algo de formación. A figura do mestre era un referente, unha persoa a respectar e así foi a figura de Manuel Garcés, que gardaba escrupulosamente os cadernos coas cualificacións de xeracións de alumnos de Tomiño e Oia aos que recoñecía por nome e apelidos.
Casado coa veciña de Estás, Argentina Martínez Gómez, a vocación do ensino viulle a Manuel Garcés do seu pai Domingo Garcés, figura clave na súa vida e tamén mestre na escola de Estás. Domingo Garcés foi o encargado de que o seu fillo Manuel preparara por libre primeiro o Bacharelato e logo o Maxisterio, indo a examinarse a Vigo e Pontevedra, como moitos dos mestres daquela.
Persoa de profundas conviccións morais, foi un mestre querido e admirado polos seus veciños. Formou a varias xeracións de tomiñeses e grazas ao coidado e mimo co que tratou todo o que tiña que ver coa escola, consérvase na parroquia de Estás unha pequena Aula Museo que garda material didáctico, bibliográfico e documental dos anos 30, dende expedientes académicos de varias xeracións até libros das Misións Pedagóxicas ou mapas da época.
A parroquia de Estás e moitos veciños Tomiño de quen foi profesor, así como o Concello, lamentan a súa perda e recoñecen en Don Manolo, como se lle coñecía popularmente, un home apaixonado polo ensino e unha boa persoa que deixou fonda pegada na vida de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas.