O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 23 traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a través da liña 3 para a activación do emprego.
Estas novas incorporacións “non soamente permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, senón que dará tamén unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego”, segundo destaca a alcaldesa, Sandra González.
A través deste plan de contratacións cubriranse ata nove postos diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre seis e 11 meses de duración.
Así, está prevista a incorporación de:
- Trece peóns de xardinaría (nove deles durante 7 meses, dous con contrato de 9 meses e outros dous durante 11 meses).
- Un peón da construción (6 meses).
- Dous persoas condutoras-operadoras de retroescavadora (durante 7 e 8 meses, respectivamente).
- Dous instaladores ou instaladoras electricistas en xeral (7 meses).
- Unha persoa para mecánica de mantemento e reparación de automoción en xeral (7 meses).
- Un soldador ou soldadora de estruturas metálicas lixeiras, especialista (7 meses).
- Un técnico/a administrativo en xeral, categoría Oficial administrativo (6 meses).
- Un traballador ou traballadora social, categoría axudante titulado (6 meses).
- Un enxeñeiro ou enxeñeira técnica forestal ou biólogo ou bióloga, categoría axudante titulado (6 meses).
As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
O SEPE será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.