A de José Álvarez Gayoso, Pepe Coruto, é unha vida unida de cheo ao río. Home sabio onde os haxa, inventou, innovou e empregou todo canto sabía no momento xusto para aproveitar os recursos do Miño. Por iso, o Concello homenaxeará este ano nas súas Festas do Alivio a este tomiñés que transformou a pesca da angula e fundou a Asociación de Pescadores do Río Miño.
De pequeno Pepe Coruto sempre andaba no campo e non foi ata os 14 anos cando se meteu no río e uniu o seu devir ao do río Miño, que flúe sen descanso como fío condutor da súa historia e da identidade de Tomiño. Chegou nunha época na que o río estaba cheo de peixe e de xente, que pescaba día e noite con diferentes técnicas para gañar o pan durante todo o ano.
Pronto se fixo destacar polo seu traballo e as súas ideas, como a teima de construír un barco. E alí, no primeiro andar da casa que fora dos seus avós e noutro tempo de curas, nace ‘Atlántico’, un barco de dúas puntas que podía traballar tamén cando había temporal sen que lle entrara a auga.
Foi entre marea e marea como, case sen querelo, converteuse no gran transformador da pesca da angula. Daquela o meixón non estaba cotizado, só se apañaba con peneira por terra e ata llo botaban ás galiñas… ata que os vascos comezaron a compralo e montaron o primeiro viveiro no Torrón. Estando un día alí á angula, Pepe Coruto deuse conta de que o meixón ía coa marea e que o facía polo medio do río e ideou unha rede con dúas áncoras de xeito que o meixón non tiña por onde escapar. Foi así como transformou a pesca da angula.
Durante uns anos só a tiña el. Pero comezou a actividade dos areeiros e a escangallarse os portos de pesca, con buracos nos que se enrocaban as redes e chupóns que extraían todo o que estaba nas tornas, incluída a cría da lamprea. Nese momento Pepe Coruto comezou a súa andaina coa Asociación de Pescadores do Río Miño, da que foi fundador e o seu primeiro presidente e que chegou a ter ata 250 socios.
Por todo isto, por todo dado ao río, ao crecemento e ao desenvolvemento do futuro de Tomiño, o Concello renderalle a Pepe Coruto unha sentida homenaxe no Acto Cívico este sábado 9 de setembro. O acto, ás 21.00 horas na Praza do Seixo, estará amenizado pola Agrupación Musical de Goián.