O Concello de Tomiño celebrará este xoves 24 de setembro un pleno municipal ordinario ao que se levará, entre outros temas, a aprobación dun proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave no que as bicicletas serán as protagonistas.
Deste xeito, a través dun protocolo de colaboración, o Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) quere implantar un sistema para compartir bicicletas eléctricas co que fomentar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.
O proxecto contará coa instalación dunha estación de aparcamento virtual en Tomiño e Vilanova de Cerveira e un total de entre 10 e 15 bicis eléctricas con GPS incorporado que se poderán usar de forma compartida para circular exclusivamente no territorio da Eurocidade Tomiño-Cerveira.
Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo programa INTERREG VA. Tomiño investirá nesta iniciativa piloto un total de 7.500 euros.