Así o confirmou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que reiterou a intención da Xunta de Galicia de avanzar na posta en marcha desa vía. Igualmente, adiantou que esa contratación vaise publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) en cuestión de semanas para arrancar coa redacción no verán.
Ademais, comezarase o proceso de información pública deste treito para poder iniciar as expropiacións dos terreos afectados. Vázquez sinalou que esta información xa foi trasladada aos alcaldes dos concellos do Baixo Miño.
No enlace de Areas conflúen a futura VAP á Guarda, a Autovía A-55 que une Vigo con Portugal, a N-551 que leva á ponte internacional e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño. Tamén conecta un polígono empresarial que xera tanto tráficos pesados derivados das actividades industriais como un elevado número de vehículos particulares que se achegan ás diferentes zonas comerciais.
Vázquez salientou que xa se ten acadado unha solución de consenso, dialogada con empresarios e veciños, que posibilita movementos directos sen necesidade de meter os tráficos no núcleo da vila.