O goberno provincial iniciou a contratación directa a través do servizo público de emprego, ao que se presentaron once profesionais, e que resultou coa selección dunha arquitecta e dun arquitecto, ambos con “acreditada experiencia en plans urbanísticos”.
Nos dous casos, as persoas contratadas reflicten nos seus currículos traballos de planeamento urbanístico e plans de desenvolvemento, así como proxectos de urbanización, execución e dirección de obra, asistencias técnicas, elaboración de instrumentos de ordenación territorial.
A Deputación ten a disposición do Concello a cinco asistentes sociais, dous xuristas, un arquitecto e un economista para asesorar e axudar ás persoas afectadas e ao propio goberno municipal. Na actualidade, dous días á semana acoden ata Tui un asistente social e un aparellador, atendendo á demanda e necesidade formulada polo Concello.
A este equipo, cuxo financiamento cobre na súa totalidade o organismo (incluíndo desprazamentos e dietas) vanse sumar, a partir do vindeiro luns, as dúas novas persoas arquitectas.