A maxia e a ilusión encherán este domingo, 5 de xaneiro, a Eurocidade Tui-Valença, cunha nova edición da Cabalgata Internacional de Reis. Trátase dun evento único con carácter transfronterizo que dende hai dez anos percorre os dous municipios. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tren á estación de Valença ás 16 hora galega.
Así o explicaron este venres o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino e Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, José Monte, en rolda de prensa. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que a da Eurocisdade Tui-Valença é “a única cabalgata transfronteiriza no mundo”, incidindo en que ese carácter transfronteirizo “dalla un valor engadido e único”. O rexedor tudense referiuse tamén aos 23 vehìculos que participarán na comitiva que acompañará aos Reis Magos “nun evento cheo de maxia e fantasía onde os protagonistas son os nenos e nenas”. Tamén apuntou Enrique Cabaleiro que no ámbito da cooperación transfronteiriza “temos un mundo de posibilidades”, e se referiu ao traballo que hai por diante para establecer de cara a vindeiros anos unha programación conxunta no Nadal.
Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, afirmou que a Cabalgata da Eurocidade ten un peso específico e desexan que cada ano máis persoas se sumen á mesma. Avanzou coma novidade a zona para nenos e nenas con mobilidade reducida que haberá na praza da Inmaculada.
José Monte, vereador de Cultura de Valença, lembrou que hai dez anos comezou este proxecto que cualificou coma “o momento cultural máis importante das dúas cidades” cun efecto transfronteirizo e mobilizador que traspasa fronteiras. Dicía o vereador de Valença que non hai outra Cabalgata igual á da Eurocidade tanto polo seu carácter internacional coma polo entorno no que se desenvolve. Un evento que salientaba reafirma as actividades da Eurocidade. Coma novidade a Cámara de Valença presentará unha carroza na que irá nevando.
A comitiva real, integrada por máis de 200 persoas, iniciará o seu percorrido ás 17 hora galega dende a estación de ferrocarril de Valença para continuar polas avenidas de Colégio Português e Miguel Dantas, a rotonda da Trapicheira e a avenida de Espanha. Ás 18 h está previsto que a cabalgata cruce a vella Ponte Internacional para continuar xa en terras tudenses pola avenida de Portugal, as rúas Martínez Padín e Augusto González Besada para chegar ás 19 h ao Cantón de Diomedes no Paseo da Corredoira. Aquí farán a ofrenda ao neno Xesús
Participarán na comitiva real a Garda Nacional Republicana, a Policía Local de Tui, Protección Civil de Tui e de Valença, os Bombeiros Voluntarios de Valença e o tren turístico da Eurocidade. Tamén colabora no evento o grupo Scouts Alhoia.
A parte musical correrá a cargo da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e das charangas A Tu Ritmo e Cantos Somos. Tamén estarán presentes Olaf e Elsa da película Frozen. Haberá carrozas con distintos motivos elaboradas pola Cámara de Valença e as asociación culturais tudenses Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Aloia de Pazos de Reis, e Xuntanza de Randufe amais das tres maxestuosas carrozas dos Reis Magos. Ao longo do percorrido repartiranse 1.750 quilos de caramelos sen glute e sen alérxenos.
Como novidade este ano na Praza da Inmaculada haberá unha zona reservada para as persoas con mobilidade reducida para que poidan gozar tamén da Cabalgata de Reis.
Visita aos maiores
Os Reis Magos repartirán ilusión tamén entre as persoas maiores de Tui e Valença mañá sábado visitando as residencias da Eurocidade. Así pola mañá achegaranse á Residencia Paz e Ben h (10.45 h) e Residencia San Telmo (11.45 h) onde estarán acompañados por parte dos seus paxes, as autoridades municipais e o Rancho de Reis da Asociación Santa Columba de Ribadelouro. Pola tarde estarán nas residencias da Santa Casa da Misericórdia e Cruz Vermelha en Valença.
Restricións no tráfico
Ante a celebración da Cabalgata Internacional de Reis haberá algunhas restricións no tráfico nas rúas por onde pasará a comitiva real. Máis aló do corte puntual do tráfico o domingo á tarde coa celebración da Cabalgata, mañá sábado dende ás 22 h non se poderá estacionar no Paseo da Corredoira, e o domingo dende ás 10 h a prohibición exténdense á rúa Augusto González Besada e o primeiro tramo da rúa Martínez Padín, e dende ás 14 h a toda a rúa Martínez Padín e a Avenida de Portugal. Agradécese a colaboración da veciñanza para garantir así o bo desenvolvemento deste evento en todo o seu percorrido.
A Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade está cofinanciada nun 75% polo Programa Operativo Interreg V-A2014-2020 no marco do proxecto Eurocidade Valença-Tui Unicidade.