A Xunta Local de Seguridade reuniuse este luns na Casa do Concello de Tui para abordar a situación na vila. Nesa xuntanza, na que estiveron o alcalde, Enrique Cabaleiro, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e representantes da Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional, decidiuse que o corpo municipal deixe de prestar o servizo de noite durante seis días da semana a partir do 1 de febreiro.
Esta decisión tomouse debido á falla de efectivos –motivada por baixas ou xubilacións- que sofre a Policía Local, que pasará a traballar nese horario só os sábados. Será unha medida provisional e transitoria mentres non se conte co número de axentes precisos para cubrir as tres quendas coma ata o de agora. Durante este tempo, o servizo de noite será cuberto pola Garda Civil.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agarda que esta situación non dure máis de dous meses, toda vez que trasladaron xa á Academia Galega de Seguridade a autorización para convocar oito prazas de auxiliares de policía local para cubrir as vacantes existentes. Ademais, na Oferta de Emprego Público deste ano incluiranse estas vacantes para a súa cobertura definitiva.
No remate da Xunta Local de Seguridade, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, deu a coñecer os datos referidos a 2019 afirmando que “Tui é unha vila segura” xa que se rexistraron 21 delitos por cada mil habitantes, cifra que está por baixo da media provincial situada en 23 delitos por cada mil habitantes e da nacional que acada as 43 infraccións delitivas por cada mil habitantes. Todo iso, dicía, pese a que se rexistraron en Tui en 2019 oito infraccións máis que en 2018.