Alí compareceu ante os medios de comunicación xunto ao concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, e os arquitectos Pablo Rivas e Juanma Rodríguez. Vázquez Padín sinalou que “a zona ábrese porque xa non hai motivos para mantela pecha e para facilitar o movemento de vehículos e das empresas construtoras que van traballar na reconstrución”.
O alcalde explicou que a limpeza de toda a zona, coa retirada do entullo e do material contaminante coma amianto, foi “un paso necesario e imprescindible” para que se poida iniciar a reconstrución da zona. Así, case un ano despois “comeza a verse a luz ao final do túnel”.
No pleno ordinario do mes de abril a Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha partida de 857.000 euros, con cargo ao Fondo de Emerxencia, así coma bases reguladoras, para a concesión de axudas ao propietarios de vivendas na zona cero, e coa achega municipal poder completar o investimento preciso para que poidan reconstruír as súas casas.
Por outra banda, os arquitectos da Deputación de Pontevedra, que traballan no Centro de Afectados en Paramos, están a ultimar o proxecto de urbanización e reposición de servizos que se tramita a través do programa Deporemse. O seguinte paso será a súa licitación e execución, xa que deberá estar concluído antes de xuño de 2020.
Tamén avanzou o alcalde que o Concello de Tui tentará personarse novamente na causa, e así no seu día poder reclamar o millón de euros que habilitou para Paramos.