Alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara do territorio transfronteirizo do río Miño concentráronse este xoves na ponte vella de Tui para protestar polo peche de ‘raia’ con Portugal e reclamar que se abran todos os pasos existentes, sempre cos controis sanitarios necesarios, para facilitar a circulación das e dos traballadores. Coas letras de SOS manifestaron a súa indignación e cualificaron de “escándalo” que tras o acontecido na primeira vaga da pandemia se volva cometer o mesmo erro de habilitar un só paso “castigando” ao persoal laboral –o único que pode cruzar a raia- a dar rodeos quilométricos.
O vicedirector do AECT Rio Miño, Uxío Benítez, explicou que a reivindicación de rexedores “é unha reivindicación xusta, e por iso estamos aquí mobilizados e nos seguiremos a mobilizar o que faga falta para que entendan que esta é unha fronteira que afecta a moita xente”, polo que pediu aos gobernos centrais que fagan o mesmo que fixeron na primeira vaga da pandemia, cando despois de tres mobilizacións de alcaldes e alcaldesas nas pontes do Miño se abriron todos os pasos na ‘raia’. “Esperemos que non teñamos que facer outras tres mobilizacións, e que con este chamamento público que facemos a Madrid e Lisboa poidan entender o que pasa nesta fronteira e abrir o resto dos pasos fronteirizos”, insistiu.
Para o conxunto de mandatarios dese territorio “é un auténtico escándalo” que despois do acontecido se volva a cometer exactamente o mesmo erro, que é deixar un único paso fronteirizo nunha fronteira que -aínda que só é o 5% dos 1.200 quilómetros de fronteira entre España e Portugal (70)-, representa o 50% dos vehículos que pasan. “Esta é unha fronteira dinámica, na que hai moitas relacións laborais, económicas, empresariais. Hai moita mobilidade porque hai esa vida e esa economía que flúe a través da fronteira…. Pois toman a decisión de deixar un só paso en Tui Valença na ponte nova”, apuntou Benítez con insistencia.
Como consecuencia práctica, subliñou o nacionalista, as persoas cidadás traballadoras transfronteirizas deben percorrer distancias quilométricas e dar rodeos “ para ir facer o único que agora se pode ir facer, que é ir aos postos de traballo”. “Tal como está a situación económica agora mesmo, que os estados decidan por non poñer gardas, por economizar ese gas, trasladar ese gasto ás e aos traballadores parécenos un escándalo”, finalizou.
Pola súa parte, o director do AECT e presidente de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, pediu aos gobernos centrais que “deixen de castigar aos traballadores”, insistindo en que os agrupamentos e filas de vehículos en quilómetros de espera “poder eventualmente potenciar os contaxios”.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, apelou tamén á sensibilidade estatal para mudar de xeito radical a súa política de peche de fronteiras, que non atende á realidade do territorio miñoto, segundo o seu punto de vista, “por ver os problemas dende a centralidade sen ser conscientes das peculiaridades de cada territorio”.
O presidente de Valença, Manuel Lopes, subliñou así mesmo que o peche das fronteiras foi nada máis que unha medida “simbólica”, xa que agora pasan pola fronteira exactamente o mesmo número de persoas de aquelas que xa pasaban antes: traballadores debidamente acreditados e o transporte de mercadorías. “Estes acaban por facer milleiros de quilómetros de máis a fin de mes e gastan o soldo nos depósitos de gasolina. Case non compensa vir traballar a ambos lados. Ao final o rendemento queda no combustible e nas horas de traslado. O peche dos pasos é unha medida que se está a probar errada”, dixo.
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Rio Miño comprende 400.000 habitantes de 26 municipios, 16 galegos do sur da provincia de Pontevedra e 10 da rexión do Alto Minho no norte de Portugal, tendo contabilizados uns 6.000 traballadores e traballadoras transfronteirizos. Na protesta de hoxe (aprobada por unanimidade en asemblea o pasado luns) participaron os mandatarios con dispoñibilidade e non confinados: seis presidentes de cámara portugueses e outros nove alcaldes e alcaldesas da parte pontevedresa.
Prohibido o paso incluso para a protesta simbólica
Unha demostración do peche férreo da fronteira entre ambas partes produciuse no inicio da protesta. O acto comezou ás 10.00 horas cando as e os rexedores de ambas partes saíron camiñando dos respectivos extremos da ponte vella sobre o Miño coa intención de reunirse simbolicamente no medio da infraestrutura para representar a necesidade de unión de ambas partes da fronteira.
Con todo, o encontro non foi posible. As forzas do orde impediron a escenificación e, a pesares de que se explicou que se trataba dun acto simbólico, obrigaron a manter unha separación duns 20 metros entre os mandatarios galegos e os portugueses facendo imposible a fotografía conxunta.
Finalmente, para salvar o pequeno treito que os separaba, os representantes portugueses volveron cara territorio luso, colleron os seus coches, pasaron oficialmente polo control de fronteira na ponte da autopista (a un quilómetro), cruzaron a Galicia e seguiron cara ao extremo da ponte vella en Tui. Unha vez alí, todos os alcaldes, alcaldesas e presidentes dun lado e outro do Miño realizaron a fotografía conxunta para reclamar a unión do territorio.