O Concello de Tui procedeu este mércores a precintar e valar a parte inferior do parque infantil situado a carón dos Xardíns de Troncoso, no paseo Familia Álvarez Blázquez. Esta decisión vén motivada polos reiterados actos vandálicos que estaban a rexistrarse nos distintos elementos do parque, que foran renovados recentemente tras o seu acondicionamento para cativos e cativas de 0 a 5 anos, cun investimento de 13.752 euros, e que estaban aínda pendentes de rematar polo que esta zona estaba xa precintada.
Malia iso, apareceron pintadas nos elementos de xogo, lixo tirado pola superficie, numerosos danos e mesmo robáronse parafusos, co conseguinte risco que isto pode supoñer. É por iso que o Concello engadiu un valado á cinta de precinto que estaba colocada ata agora, e que era rota de xeito reiterado.
Por outra banda, a administración local lembrou que se está a acometer a diario a desinfección dos parques infantís do municipio. Ademais, recorda que é preciso utilizalos tras desinfectar as mans con hidroxel e manter a distancia de seguridade, cun máximo de dous nenos por xogo infantil e un máximo de dúas persoas por banco público.