A Policía Local de Tui detivo esta fin de semana a un condutor por agredir a un axente. Segundo informou este martes o corpo municipal da vila, os feitos tiveron lugar o sábado pola tarde cando unha patrulla deu o alto a un home por circular “de forma errática”, o que fixo sospeitar que podería conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Ao realizarlle a proba de alcoholemia, o alcoholímetro indiciario ofreceu unha taxa que cuadriplicaba a legalmente permitida. Por este motivo, levárono ás dependencias policiais para sometelo á proba no etilómetro regulamentario. Nese momento o home “negouse a someterse á proba e comezou a agredir a un dos axentes”.
Ante esta situación, procederon a súa detención por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade e quedou investigado por un delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, ao negarse a someterse ás probas obrigatorias.
Ademais, a Policía Local incautouse de varias de doses de sustancias estupefacientes nun vehículo a última hora da tarde do domingo. O condutor foi denunciado administrativamente ao dar positivo na proba de drogas.