A proposta musical pasa polas actuacións de Blas Cantó o sábado 27, a orquestra Mondragón o domingo 28 e Patricia Moon o sábado 20, ademais dos grupos tudenses Mi Calip’s e Factor 50, que actuarán o venres 26. A oferta musical contempla tamén a presenza do Combo Dominicano na noite do luns 29 e ao longo das festas estarán o grupo América (domingo 21) e as orquestras Passarela (sábado 27) e Saudade (domingo 28).
As festas comezarán o sábado 20 ás 19.00 horas coa lectura do pregón a cargo do filatelista tudense Carlos Pérez-Fonterosa Antón, nun acto no Teatro Municipal onde actuará a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos.
O primeiro día das festas Pablo Méndez Performances presentará no Paseo da Corredoira o seu espectáculo ‘Quimera’ e non faltarán eventos tradicionais coma o festival folclórico ou a Semana de Teatro Afeccionado.
Ademais, poderán visitarse na Área Panorámica as exposicións ‘70 anos da escultura de Rosendo Salvado’ e ‘Surge et ambula. A memoria do Teatro Principal’, que mostrará entre outras pezas o telón do centenario teatro.
Actividades infantís
Tamén están previstas actividades infantís de luns a venres de 11.00 a 13.00 horas e proxeccións de cinema infantil ás 16.30 horas. Para público infantil programouse unha festa con Menudo Circo.
O deporte estará presente coas actividades previstas de bádminton, judo, tenis de mesa, xadrez, remo e baloncesto. A Copa San Telmo Eurocidade de fútbol, a Carreira Popular Solidaria de San Telmo e as finais autonómicas do programa Bádminton+ centran a oferta deportiva.
O luns de San Telmo celebrarase a tradicional Feira dos Cabalos. Continúa tamén ata o luns 29 a Festa do Meixón en seis restaurantes tudenses. Xa no relativo aos actos relixiosos destaca a solemne procesión de San Telmo o luns 29 ás 21.00 horas.