Durante o encontro, Rodríguez informou ao concelleiro tudense que as humidades serán reparadas proximamente ao atoparse a obra en garantía. “Xa lle fixemos o requirimento oportuno a adxudicataria, aínda que se agardará ao momento máis adecuado para a súa execución, que seguramente será en primavera ou verano, cando os traballos se poidan levar a cabo en boas condicións meteorolóxicas”. Esta escola infantil conta con seis unidades e con 82 prazas.
Por outra banda, durante a reunión, tamén se analizou a posibilidade de que o edificio onde se atopa o actual centro de saúde se converta en centro de día, unha vez que abra as súas portas o novo ambulatorio da localidade. Ademais, o concello tamén quere trasladar para estas instalacións o centro de Alzheimer que na actualidade se atopa na Escola de Chans, en Randulfe.
A este respecto, o xerente do Consorcio asegurou que se dará traslado desta solicitude á Consellería de Política Social, de cara a que se poida estudar a viabilidade tanto técnica como económica desta proposta, “xa que estamos a falar duns servizos que requiren que os espazos cumpran cunha normativa moi concreta relativa, en especial, a adaptabilidade”. Ademais, tamén recordou Perfecto Rodríguez que o concello de Tui xa conta cun centro sociocomunitario no casco urbano do municipio que ofrece diversos servizos a Tercera Idade.