Un local nocturno desaloxado, dúas denuncias por non usar a máscara de protección, un detido, unha alcoholemia positiva e varias intervencións por actos vandálicos foron algunhas das actuacións que tivo que atender esta fin de semana a Policía Local de Tui.
Os axentes accederon na madrugada do sábado ao domingo nun establecemento de ocio nocturno debido ao incumprimento do horario de peche. Segundo explica o Concello, que preferiu non dar nomes, o local estaba “en plena actividade”, con “gran afluencia” de persoas no seu interior e nalgúns casos os clientes non mantiñan a distancia de seguridade. Tamén o sábado pola noite a Policía Local denunciou a dous clientes doutro establecemento de hostalería por non usar a máscara malia estar obrigados a facelo.
Esa mesma noite foi detido un home por un delito de atentado contra os axentes da autoridade e negativa a identificarse en reiteradas ocasións. Os axentes foron requiridos por un particular debido a unha pelexa na que se viu involucrado o arrestado. Esta persoa, presuntamente baixo os efectos de bebidas alcohólicas, “arremeteu contra os axentes causándolles lesións aos dous policías locais que practicaron a detención”.
Ademais, o venres o corpo municipal deu o alto ao condutor dun vehículo que circulaba de forma errática, procedendo a denuncialo en vía administrativa ao dar “resultado positivo na proba de alcoholemia realizada co etilómetro de precisión debidamente homologado”. O resultado final foi de 0,58 mg/l, o que supera o dobre da taxa permitida regulamentariamente.
Por último, durante a fin de semana, a Policía Local tivo que intervir ante a comisión de distintos actos vandálicos en distintos puntos do termo municipal. Así, rexistráronse pintadas na estatua de Calvo Sotelo e nun pequeno incendio nunha arqueta logo de que prenderán lume a uns papeis no interior. Do mesmo xeito, varias vallas que se empregaran para delimitar a zona do cinema ao aire libre foron lanzadas ao río no Paseo Fluvial.