A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o presidente da CIM Alto Minho José María Costa asinaron ante notario o convenio de colaboración e os estatutos da nova entidade pública nun acto no que estiveron presentes o secretario xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Presidencia do Goberno do Estado, Juan Ignacio Romero; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo; a vicepresidenta da CCDR-N Ester Gomes e o deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, como impulsor da nova agrupación.
Todos os presentes na cerimonia pública de constitución da AECT coincidiron en sinalar que o día de hoxe era “histórico” para o territorio da fronteira do Miño, xa que a agrupación permitirá desenvolver socioeconomicamente a zona e mellorar as condicións de vida da súa cidadanía. A presidenta Carmela Silva salientou, de feito, que a creación da nova agrupación de cooperación europea é un instrumento para “respostar aos retos do século XXI que obrigan a rachar coas fronteiras e a unir persoas e os seus intereses políticos, sociais, económicos e desenvolvemento”.
Silva destacou que o espazo que abrangue a AECT é “extraordinario” e que agora toca convertelo “nun espazo do que a xente estea orgullosa facendo que sexa un espazo de referencia”. A presidenta finalizou mostrándose orgullosa polo feito de ser ela quen asinase a constitución da agrupación “xa que non é habitual que sexan mulleres as que asinen días históricos”, e tamén lembrou, cunha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro’ na man, que o día foi dobremente especial por coincidir coa xornada “na que en Galiza reivindicamos a Rosalía de Castro”.
Pola súa parte, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez insistiu en que o de hoxe foi un día especial “para os que levamos o río Miño no corazón, porque ten que voltar a ser o centro do que nos une”. O nacionalista destacou que o territorio da fronteira “ten que acreditar en si mesmo porque é o centro dunha área cunha forte dinamización económica”, lembrando que está no medio do eixo Vigo-Oporto (con 3,5 millóns de habitantes) e reúne o 47% dos fluxos de vehículos lixeiros entre España e Portugal.
O impulsor da AECT destacou que 350 anos despois do tratado de Lisboa (de 1668) que finalizou coa guerra entre España e Portugal marcando a paz e as fronteiras “hoxe nace un instrumento para derrubalas, un instrumento xurídico estable que impulsará o desenvolvemento do territorio e estará ao servizo da cooperación urbana, dará poder de decisión aos territorios e permitirá acceso aos fondos europeos”, indicou, lembrando que en breve se abrirá unha nova convocatoria do POCTEP.
Por último, Benítez quixo lembrar que un dos obxectivos princpais da AECT será crear unha marca transfronteiriza para o río Miño que sexa máis competitiva e teña recoñecemento internacional. “Nun mundo global non podemos xestionar o turismo dende un só concello”, afirmou.
Apoio da Xunta de Galicia
Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, quixo transmitir aos asistentes ao acto de constitución da AECT “o compromiso da Xunta e do presidente Feijóo” e o seu agradecemento pola constitución da nova agrupación, “xa que para nós é moi importante aumentar as estruturas que fagan na práctica a cooperación transfronteiriza”.
Gamallo salientou que a Xunta ten “un plan” de cooperación baseado en tres eixos. O primeiro , as infraestructuras, apostando polo corredor Atlántico e o tren Vigo-Porto, do que dixo, “agardamos que en 2019 poidamos unir ambas cidades en hora e media” para estruturar o territorio e potenciar os usos turísticos. O director xeral tamén destacou “a aposta pola innovación e o traballo pola demografía e o envellecemento activo co apoio dos fondos europeos”. “Dende a Xunta de Galicia estamos á disposición desta nova AECT, xa que todo o traballo conxunto suma”, dixo, para instar tamén ao estado central a destinar máis fondos á cooperación.
Finalmente, o secretario xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Presidencia, Juan Ignacio Romero, lembrou que o seu departamento foi o que autorizou a nova AECT e destacou o seu agradecemento por poder coñecer de primeira man dende o “Goberno de España” o traballo de cooperación que existe no territorio do Miño. “A nova AECT é un reto, posto que está nun ámbito territorial que, cos meus anos de experiencia en cooperación, nunca tiña visto tanto polo volume de poboación como pola trascendencia do territorio. Todos debemos traballar nesta mesma liña de cooperación, e por iso os meus mellores desexos aos fundadores”, finalizou.
Pola parte portuguesa, salientaron tamén os beneficios futuros da AECT o presidente da CIM Alto Minho, o presidente de Uniminho, e a vicepresidenta da CCDR-N, Ester Gomes, quen ao igual que Carmela Silva se parabenizou por que fose unha muller, tamén, a que pechase as intervencións dun día histórico para o territorio do Miño.
Asemblea e nomeamento de presidente
Unha vez que este sábado se asinou oficialmente o nacemento da Agrupación Europea do territorio do Miño coa sinatura do convenio e os seus estatutos polos seus dous principais socios (Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho) resunirase a asemblea xeral da AECT o próximo mes para elixir presidente.
Cando xa se coñeza o nome do máximo dirixente concretaranse as vindeiras accións e proxectos, así como o traballo a realizar para acadar novos fondos europeos, xa que a vindeira convocatoria do POCTEP está próxima.
Hai que lembrar que os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, entes baixo os que se reúnen 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do Norte de Portugal.