O Concello de Tui condenou este xoves as pintadas realizadas ao longo dos últimos días no conxunto histórico. O casco antigo da vila, de especial beleza, foi vítima duns actos vandálicos que se cebaron con diferentes superficies, tanto no firme da propia rúa como nas paredes.
Na rúa Sanz, tanto o empedrado coma as paredes do cárcere vello e doutros inmobles situados neste emprazamento foron obxecto destes actos contra o patrimonio.
As forzas e corpos de seguridade están a investigar estes feitos para poder localizar a quen sexa responsable.