Excelente acollida no primeiro día de apertura de portas do novo Mercado Municipal de Tui, denominado Mercado de San Antonio. Xa dende primeira hora, tras a apertura dos postos ás 8:00 horas, numerosas persoas se achegaron a facer as compras de peixe, carne, ou flores á praza de abastos tudense. Moitas outras quixeron tamén este martes coñecer as novas instalacións tras a reforma integral do edificio realizada polo Concello de Tui.
A media mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, achegáronse ao mercado para felicitar as persoas que están ao fronte destes primeiros postos xa adxudicados comprobando o funcionamento e posta e marcha da praza neste primeiro día.
Este martes abriron sete postos de peixe, unha carnicería e unha florería. Pendente está nos próximos días a apertura doutra carnicería que cuxo posto foi xa tamén adxudicado nesta primeira fase.
Nunha segunda fase abrira un posto de produtos gourmet, unha panadería, un posto especializado en café e chocolate, e o espazo gastronómico. Dos 20 postos fixos e catro temporais 13 están adxudicados nestes momentos, e os restantes sairán en breve de novo a licitación, cuxas características e requisitos están dispoñibles no Concello de Tui para aquelas persoas que estean interesadas.
A obra do Mercado de San Antonio forma parte dun proxecto integral de modernización e dixitalización das instalacións municipais, considerado prioritario polo goberno local.
A reforma integral do edificio, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros, ten como obxectivo principal a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio na localidade, que sexa ao mesmo tempo un polo de atracción para novos emprendedores e un lugar de encontro para a veciñanza, así como un lugar no que acceder a produtos locais de primeira calidade e frescos.
Entre as actuacións previstas dentro deste proxecto está tamén a instalación de taquillas intelixentes que permitirán recoller a compra fóra do horario habitual de apertura dos postos, a colocación dunha pantalla dixital, así como a creación dunha páxina web específica do Mercado coa que promocionar e difundir toda a actividade da praza e dos distintos postos.
Esta campaña de dixitalización tamén contempla a presenza nas principais redes sociais do Mercado de San Antonio. A inauguración oficial do Mercado de San Antonio realizarase unha vez se complete a instalación e apertura da totalidade dos postos adxudicados nesta primeira fase.