O Concello de Tui vai investir case un millóns de euros na humanización do entorno do Mercado Municipal. Para esta obra o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ven de conceder de 724.535,03 € dos 905.668,79€ a que ascende o proxecto a executar. O Concello de Tui asumirá o 20% restante do orzamento.
Trátase da segunda fase do proxecto de “Humanización do entorno do mercado municipal e dixitalización e revitalización do comercio local de Tui”. A subvención recibida forma parte da liña de Axudas para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles de comercialización do Ministerio.
Este proxecto contempla por unha parte a actuación en todo o entorno da praza de abastos e por outra parte unha serie de iniciativas concretas en formación, dixitalización e sensibilización para o comercio local. Así porase en relación o edificio da praza de abastos co seu entorno, dotándoo de singularidade e espazos de lecer e esparexemento.
Na obra de humanización crearase unha nova praza urbana na traseira do edificio, que contará cun espazo interior cuberto – a executar na primeira fase – no que se poderán realizar eventos e actividades, e farase peonil un tramo da rúa Maristas. Ampliaranse as zonas verdes conectando a pequena zona boscosa existente nas inmediacións cun xardín a carón da praza, o que se reforzará coa plantación de árbores e a instalación de xardineiras na zona de aparcamento. Reconfigurarase esta zona destinada ao estacionamento dos vehículos trasladándose á zona leste, e se mellorará a dársena traseira de carga e descarga adaptando a súa altura para que poida ser empregada por furgonetas. Procederase amais á mellora das redes de pluviais, abastecemento e saneamento, ao tempo que toda a zona será moito máis accesible.
Esta segunda fase completa a posta en marcha dun conxunto integral de actuacións que comezará coa reforma integral do edificio. Esta obra sairá en breve á licitación, unha vez sexan aprobados en pleno os pregos técnicos. Este proxecto suporá a transformación nun gran espazo público do entorno do Mercado Municipal apostando pola humanización das rúas perimetrais e do espazo de aparcamento da propia praza de abastos mellorando a calidade urbanística deste espazo.
O proxecto inclúe tamén a dixitalización e revitalización do comercio local dando continuidade ás actuacións previstas tamén na primeira fase neste ámbito. Así contémplase a posta en marcha dunha APP de fidelización ao comercio local, unha plataforma Smart City sobre hábitos de compra, a implantación de redes wifi nas zonas comercias, cartelería dixital con información comercial así coma unha diagnose e a elaboración dunha folla de ruta para mellorar a competitividade do sector comercial. Por outra parte levaranse a cabo acción formativas en idiomas, inglés e portugués, e en economía circular. Na zona serán instalados cinco puntos de recarga para vehículos eléctricos nunha aposta pola sostenibilidade reducindo a pegada de carbono, o que irá en consonancia coa mellora da eficiencia enerxética ao instalar luminarias de baixo consumo.
Desta actuación beneficiaranse preto de 300 establecementos comerciais do municipio así coma os 140 postos do mercado semanal dos xoves.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que “actuación busca mellorar a relación do mercado co seu entorno, enriquecéndoo e dotándoo de singularidade ademais de integralo dentro do urbanismo da cidade”. A humanización desta zona xunto a reforma integral do propio edificio permitirán que o Mercado se converta “nun punto referencial dentro do tecido comercial local”. Deste xeito indica que se “recupera un ámbito urbano importante” o que “contribuirá a recuperar da potencialidade comercial tanto da praza coma do propio municipio”.