O acto comezou cun minuto de silencio tras o cal o alcalde, Carlos Vázquez Padín, manifestou que “todo o concello nos sentimos partícipes e solidarios coas perdas dos veciños do barrio da Torre da parroquia de Paramos e da parroquia de Guillarei” engadindo que “só hai unha cousa que non poderemos remediar, por moito que pase o tempo, que é a perda de dúas vidas humanas, a perda do matrimonio Abdelkhalek el Bouabi Hailas e Ezzoura Bouadel que faleceron” deixaron aos seus dous fillos orfos “que é o que máis nos fire e máis nos doe a todos os tudenses”.
O rexedor sinalou que dende o Concello estase pendente da situación dos dous menores, que nestes momentos son tutelados pola Xunta. Igualmente, apuntou que “non podo máis que sumarme a este sentimento de solidariedade e profunda dor que sinte o concello de Tui e especialmente estas parroquias de Paramos e Guillarei” para engadir que “dende o concello imos facer todo o posible por axudarvos a superar este difícil trance, por axudarvos, e que Paramos volva a súa normalidade o antes posible”.
Vázquez Padín quixo agradecer o exemplar comportamento da comunidade marroquí que malia estar vivindo “unha traxedia de forma moi directa, mantiveron a calma, e demostraron que son uns cidadáns exemplares”.
Por último, interveu Noureddine Eljabraovi, voceiro da comunidade marroquí para agradecer a asistencia ao acto e a solidariedade amosada tras esta traxedia, así coma o labor dende o Concello en permanente coordinación con eles.