O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 4 de marzo, ás 21 h o concerto presentación de “La MMarca” de Manuel Madarnás. Un disco que saíu a luz o pasado mes de agosto cando se presentou amais o primeiro videoclip do tema “Abrázame”, e do que en xaneiro lanzaba o segundo sinxelo “Sway”. Trátase, segundo Manuel Madarnás, “dun proxecto innovador, con moitas sorpresas e que trata de pór en valor a música instrumental”. Engade que “se busca que a música instrumental, neste caso coa trompeta coma solista, chegue a transmitir e emocionar ao público do mesmo xeito que o pode facer un cantante ou grupo no que o solista sexa vocal”.
Manuel Madarnás, de 25 anos, compaxina este novo proxecto coa realización do máster en trompeta no conservatorio Musikene en San Sebastián e co seu traballo na orquestra Los Players. A súa formación musical iniciouna na Escola de Música de Tui, continuando no conservatorio tudense onde cursou o grao profesional, e xa no CMUS de Vigo obtivo o grao superior en trompeta. Formou parte tamén da Banda de Música Popular de Tui.
As baladas románticas, os boleros e temas pop soarán este venres, no Teatro Municipal de Tui, interpretados por Manuel Madarnás á trompeta, acompañado por Kithos Díaz na batería, Juan Díaz no baixo, Marcos Guzmán nos teclados, Jorge Pimentel na percusión e Sic Salem na guitarra. Amais nun dos temas contará tamén coa participación da cantante Julia Rodrígues.
Manuel Madarnás última os detalles do concerto no propio teatro tudense. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, compartían con el uns minutos en plena preparación do evento deste venres.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou que “é un orgullo para este concello que un alumno do conservatorio, membro da Banda de Música Popular de Tui, se anime a iniciar esta carreira en solitario”. Enrique Cabaleiro salientaba que “dende o concello apoiamos este tipo de iniciativas” ao tempo que lembraba que “historicamente o Conservatorio de Música formou grandes profesionais, e persoas moi emprendedoras no ámbito da cultura, e polo tanto é un orgullo”. Convidaba o rexedor tudense a achegarse este venres ao Teatro tudense para disfrutar deste concerto.
Tamén a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convidaba a asistir ao concerto deste venres ao tempo que lembraba coma Manuel Madarnás se formou no conservatorio e nas bases da nosa cidade, da música, e neste momento está estudando fóra continuando coa súa formación”. Agora presenta este novo proxecto, no que o concello de Tui brinda a súa colaboración, afirmando a concelleira que “vai ser un concertazo e estamos desexosos de poder escoitalo”
As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 6€ e 4€.