Así o anunciou este martes na rolda de prensa que deu para aclarar a contratación desta empresa nas pasadas festas patronais. Segundo dixo, a compañía tudense afirmaba contar cun almacén legal con enderezo na Cañiza e con seguro de responsabilidade civil. Ademais, lembrou que fora sempre a encargada de subministrar este servizo cos anteriores gobernos municipais.
De feito, segundo explicou, a empresa tiña catro depósitos: na Cañiza, Sanxenxo, Maside e Caldas de Reis. O rexedor tamén quixo deixar constancia de que o lugar onde tivo lugar o pasado mércores a explosión non foi na sede da empresa en Baldráns senón nun almacén ilegal en Paramos.
Carlos Vázquez Padín afirmou que a partir de aí a súa “máxima preocupación” é “axudar aos veciños, e a iso quero dedicar o 100% do meu tempo”.
Neste sento, comunicou que vai solicitar este mércores compromisos económicos á administración central e provincial, xa que polo momento só di dispoñer do compromiso firme da Xunta e do Concello para financiar a recuperación da zona afectada o pasado mércores pola explosión de material pirotécnico en Paramos. “Son necesarios moitos millóns de euros para reestablecer á normalidade”, indicou este martes CarlosVázquez Padín, que cifrou só o desescombro en máis dun millón de euros.
Actuacións
Igualmente, o alcalde lembrou que o Gabinete de Crise se reunirá cada sábado ás 10.00 horas no Centro de Afectados e informou de que este xoves ao mediodía se reunirá a Xunta de Portavoces para estudar os dous informes encargados, un da secretaría municipal e outro externo, sobre a idoneidade de solicitar o equivalente á declaración de zona catastrófica.
Tamén desvelou que os departamentos de intervención, tesourería e servizos sociais están a traballar nunha ordenanza, que será levada ao pleno deste xoves, para establecer as bases para o reparto das axudas para enxoval, alimentación, calzado, roupa, transporte… con cargo ao millón de euros do Fondo de Emerxencia que se habilitará con cargo ao remanente de tesourería.
Por outra banda, con respecto aos últimos datos do Centro de Afectados deu a coñecer que ata este mediodía constan 328 expedientes de incidencias con 702 persoas afectadas. Hai 290 casas afectadas das que 31 están completamente destruídas, 50 teñen graves desperfectos na cuberta e 60 na estrutura. Ademais, existen 191 vivendas con danos na carpintería exterior e 107 na interior. Hai un centenar de vivenda que precisan retellado, e 31 que teñen gretas nas paredes. Segundo os datos aportados só 132 das 290 casas teñen seguro do fogar. Do total de vivendas afectadas 30 eran de segunda residencia.