Deste xeito dáse satisfacción á solicitude realizada tanto dende a dirección do CEIP nº2 coma dende a ANPA do centro para mellorar o servizo prestado e ao tempo ampliar a capacidade ante a gran demanda do comedor que rexistran, xa que no anterior emprazamento estaban cubertas todas as prazas. As novas instalacións contan con capacidade para 130 nenos, aínda que polo momento as prazas habilitadas son 115 á espera de colocar máis mesas e cadeiras.
As obras para adaptar as instalacións da antiga casa do conserxe, que ocupaba até o curso pasado a sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Tores, foron financiadas con fondos propios, con cargo ao plan Concello, e a Xunta de Galicia aportou o novo mobiliario para o comedor.
Á inauguración acudiron o alcalde, Carlos Vázquez Padín, a concelleira de Educación, Mila González, e o concelleiro de Obras, Antonio Castro Negro, xunto ao director do centro, Luis Ruiz. O alcalde quixo aproveitar a visita ás instalacións para manifestar que se trata dunha boa noticia e que, a pesar de que o proceso foi máis lento do previsto, finalmente pódese cubrir unha necesidade do centro con maior alumnado do municipio.
Pola súa parte, González recoñeceu que quedan obras no acceso ao comedor e que seguirán a estudar as peticións que reciben do centro, pero mostrouse satisfeita cos resultados no interior das instalacións.
Ruiz apuntou que se trata dunha demanda que tanto o centro como a ANPA levan realizando dende hai anos e que coas posibilidade de 130 novas prazas darán resposta ás necesidades das familias na conciliación da vida persoal e laboral.