O Concello de Tui vén de adoptar novas medidas para “garantir a atención á cidadanía e a continuidade da tramitación administrativa” en todos os departamento tras detectarse tres positivos de Covid-19 no persoal municipal. Unhas decisións que foron consensuadas nunha reunión celebrada entre o Goberno municipal e os representantes dos traballadores.
Para comezar, vaise someter a partir deste martes a un test de antíxenos a todos os empregados municipais para descartar novos casos. Ademais, activaranse quendas rotatorias de traballo presencial para garantir que non teña que pechar un departamento ao completo no caso de detectarse máis casos de Covid-19. Con esta reorganización garántese que o 50% do persoal de cada servizo poderá estar en activo de rexistrarse un positivo, ao crearse cando menos dúas quendas de traballo sen contacto entre elas.
Por outra parte, Tui, que figura en nivel vermello no mapa de alertas da Xunta, volve requirir cita previa para todos os trámites en todos os departamentos, incluído o rexistro de entrada, que se poderá solicitar telefonicamente, por correo electrónico ou a través da sede electrónica.
Outra das medidas adoptadas é a suspensión do servizo de recollida de voluminosos por seguridade, tanto para a veciñanza coma para os propios traballadores, xa que en moitas ocasións a recollida de enxoval e outro material implica a entrada nos domicilios.