Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial de Tui, doa o seu arquivo, biblioteca e colección artísticas ao Concello de Tui.
Así se anunciou o pasado venres, 14 de xuño, na presentación do novo número da revista “Castellum Tyde”, editada polo Instituto de Estudios Tudenses co patrocinio do Concello de Tui, que precisamente está dedicado á figura deste investigador tudense.
No mesmo acto produciuse a sinatura deste acordo de doazón entre Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui, e o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro González. Neste documento recóllese a vontade do doante de que este legado forme unha colección específica co seu nome e sexan conservadas polo concello tudense garantindo o acceso libre e gratuíto ao público en xeral e especialmente aos estudosos sobre a nosa cidade.
Tamén se recolle neste acordo que o doante, ou a súa irmá, serán usufrutuarios destas coleccións namentres vivan, pasando ao poder do Concello de Tui a partir daquel momento.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, gabou a xenerosidade de Ernesto Iglesias Almeida ao depositar no concello da súa cidade este importante conxunto bibliográfico e documental expresando nunha nova oportunidade a súa entrega a prol de Tui, que ten sido o centro das súas investigacións e estudos. O rexedor tivo tamén palabras agarimosas de lembranza para Juan Lima Pardo, propietario de Gráficas Juvia, recentemente falecido e que colaborou activamente neste acordo de doazón.
Previamente foi presentado o novo número de “Castellum Tyde: revista do Instituto de Estudios Tudenses” que chega a súa novena entrega, na que participaron a vicepresidenta do IET, Marta Cendón Fernández, xunto a Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego, que fixo unha ampla semblanza da figura de Ernesto Iglesias, a quen vai dedicado este número da revista, así como do contido da mesma que abrangue unha ducia de traballos doutros tantos investigadores sobre Tui e o ámbito territorial das antigas diocese e provincia tudense.