O persoal técnico da Asociación de Desenvolvemento Rural MAIV Baixo Miño presentaron aos rexidores o novo periodo do Programa Leader Galicia e sentaron as bases da participación dos concellos como axentes dinamizadores do programa nos seus respectivos territorios.
Ate xuño o GDR desenvolverá a campaña de participación na que a poboación ten a palabra e a oportunidade de definir qué liñas serán consideradas estratéxicas no periodo 2014-2020.
Co fin de promover e dinamizar a participación do maior número posible de persoas e axentes sociais públicos e privados do territorio, os alcaldes inauguraron a campaña participativa “Eu Rural” para a elaboración da estratexia, cun acto simbólico no que os rexidores pulsaron xuntos uns pulsadores que activaron a posta en marcha das ferramentas telemáticas que apoiarán o proceso de participación: a páxina web, activa dende hoxe no dominio www.eurural.org, e as redes sociais da campaña.
A presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural, Sandra Gonzalez, indicou a importancia de que a poboación se sinta parte do proceso e decidan, todos e todas, persoas e entidades, o futuro que queremos para o noso rural.
Nas vindeiras semanas realizaránse reunións de traballo e iniciaránse os procesos de participación co fin de acadar unha estratexia de desenvolvemento desenvolvida de xeito participativo e que recolla todas as accións que se consideren estratéxicas para o desenvovlemento do noso territorio.