O cine abre a programación cultural do verán en Tui. O paseo fluvial volverá converterse nunha sala de cinema ao aire libre con capacidade para 300 persoas. Tres son as películas que o público poderá gozar esta semana ‘Zog y los doctores voladores’, ‘El viaje de Chihiro’ e ‘Cuenta conmigo’. As entradas poden reservarse de balde en www.tui.gal.
Este martes, 13 de xullo, ás 22.30 horas proxectarase ‘Zog y los doctores voladores’. Un filme de animación dirixido por Sean Mullen recomendado para público familiar dende os 3 anos. Un dragón, unha princesa e un cabaleiro son os protagonistas da historia. Todos rompen os seus roles para coidar dos demais e curar a todo tipo de criaturas dende unha serea a un león, ou ao mesmo rei.
O mércores, 14 de xullo, ás 22.30 horas será a quenda de ‘El viaje de Chihiro’, dirixida polo prestixioso Hayao Miyazaki. Esta cita recibiu o Óscar á mellor película de animación e o Oso de Ouro no Festival Internacional de Cine de Berlín. Chihiro, a nena protagonista, chega a un mundo habitado por deuses antigos e seres fantásticos tras atravesar un túnel cando viaxaba en coche cos seus pais. Nese estraño lugar atópase con Haku e cunha feiticeira chamada Yubaba.
Mentres, o xoves, 15 de xullo, ás 22.30 horas proxectarase ‘Cuenta conmigo’. Unha película dos 80 dirixida por Rob Reiner e interpretada por Wil Wheaton, River Phoenix, Corey Feldman, e Jerry O’Connell. É unha historia de amizade entre catro adolescentes baseada nun relato curto de Stephen King.