Esta nova acción entre a Xunta e o Goberno portugués forma parte do proxecto de cooperación transfronteiriza Migramiño, liderado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e que busca a protección e conservación de peixes migradores no tramo internacional do Miño e nos seus afluentes.
A solta de salmóns realizada este venres encádrase nunha das actividades deste proxecto, concretamente na de reforzo e mellora das poboacións de peixes migradores. Debido á seca que afectou a Galicia este outono non se puideron facer soltas nos afluentes de ambas marxes, polo que Patrimonio Natural e o ICNF decidiron aprazar as soltas ata a primavera e soltar os xuvenís na fase de esguín, xusto antes da súa migración cara ao mar.
A solta dos 6.000 esguíns realizouse desde a Comandancia Naval de Tui e durante o proceso, os técnicos galegos e portugueses contaron coa colaboración das armadas portuguesa e española.
Programa de recuperación desde a década dos 90
O río Miño representa na actualidade o límite da distribución sur do salmón atlántico en Europa. Desde finais dos anos 90 ata hoxe, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén desenvolvendo un programa de recuperación do salmón atlántico nos ríos galegos, entre os que se atopa o Miño.
Estas actuacións céntranse na mellora da accesibilidade, o control da pesca e a mellora das poboacións mediante a introdución de reprodutores autóctonos. Nestes momentos o río Tea, principal afluente do Baixo Miño na marxe galega, e o río Mouro, que é o afluente da marxe portuguesa, representan as únicas zonas de reprodución e cría natural do salmón atlántico na bacía do río Miño, xunto a algunhas áreas do curso principal.
Recentemente comezou a funcionar unha estación de captura na presa de Frieira, que é a primeira barreira infranqueable do curso principal do Miño. Desde entón, captúranse xuvenís de anguía e reprodutores de salmón para trasladalos á piscifactoría de Carballedo para a súa reprodución artificial e a cría da súa descendencia. Deste xeito formouse un stock de salmóns procedentes na súa orixe do Miño para o reforzo das poboacións neste río.