Se ben a recuperación da aldea de Paramos está moi condicionada, sobre todo nestas primeiras semanas, polo traballo xudicial que se está a levar a cabo na zona cero, o Executivo autonómico mantén que os afectados están sendo puntualmente informados de todos os avances a través da oficina de atención.
A intención da Xunta é que os afectados poidan acceder ás axudas coas máximas facilidades e o antes posible. Coa aprobación do decreto, actívase o mecanismo para que os afectados poidan dispoñer de axudas directas, procurando que non teñan que adiantar os cartos, e coa mínima documentación.
Tamén habilítanse axudas para o realoxo nos casos que sexa necesario, destinadas a custear o aloxamento provisional daquelas persoas que o necesiten, con 450 euros ao mes para alugueiro, durante un prazo de dous anos; e ata 600 euros adicionais para facer fronte aos gastos de alta do alugueiro, subministracións e fianza. Para acceder a este alugueiro, unicamente deberán presentar un certificado do Concello indicando que foron afectados pola explosión.
As axudas directas para a construción das vivendas destruídas ascenderán a 110.000 euros para casas habituais, cun 15% máis para afrontar gastos de reposición do enxoval, polo que a axuda ascendería a 125.000 euros, e 44.000 euros no caso de vivendas ocasionais e un 5% para gastos de enxoval, polo que ascendería a 46.000 euros.
Nestes casos, os afectados deberán ceder as súas accións legais á Xunta para que o Goberno galego poida repercutir á aseguradora directamente ou, no caso de inexistencia de seguros, contra o propio causante do dano.
Para acceder a estas axudas, os beneficiarios só deben presentar certificado do Concello de Tui que acredite que son afectados por vivenda destruída. A cantidade a ingresar poderá servir para comprar vivenda noutro lugar.
Ademais, a administración autonómica porá a disposición dos afectados subvencións directas para rehabilitar as vivendas, xa sexan reparacións de maior ou menor entidade. Trátase dunha axuda directa aos afectados, que contarán co ingreso unha vez presenten a documentación correspondente, que neste caso é unha memoria valorada.
O decreto habilita xa unha partida de aproximadamente 5 millóns que se destinará exclusivamente a esa prioridade, que é a vivenda dos afectados. Tamén abre outros ámbitos de actuación, como: a reforma das dúas escolas unitarias que se viron afectadas pola explosión, que xa se iniciou; e a reconstrución de negocios, talleres e naves afectadas e doutras edificacións.
Reconstrución
Por outra banda, o Concello de Tui convocou ás empresas interesadas en participar no proceso reconstrución da zona cero no barrio da Torres en Paramos a unha reunión, que terá lugar este venres ás 11.00 horas no Centro de Afectados.
Alí, se lles informará do procedemento para acceder as obras. No encontro participará o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Ademais, o consistorio actualizou a cifra de damnificados. Segundo os últimos datos, hai 364 expedientes de incidencias con 758 afectados. Principalmente, o que se incrementa é o número de vehículos que sufriron danos, un total de 57.
Por outra parte na zona cero continua a realizarse a peritaxe técnica e económica por técnicos especialistas dos distintos danos e se mantén a restrición de acceso por motivos de seguridade.