A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia vén de autorizar o anteproxecto de humanización do Paseo da Corredoira. En concreto trátase da “Mellora da Mobilidade Peonil e Rexeneración urbana na Corredoira e na súa contorna” segundo o anteproxecto redactado polo Estudio Mmasa. Tanto a redacción do proxecto coma o estudo de mobilidade realizado foron financiados con fondos do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra cunha achega de 50.000 euros.
A actuación prevista abranguerá as rúas Camilo José Cela, Augusto González Besadae Rosa Bahamonde, a praza da Inmaculada e a Corredoira co obxectivo de “recuperar o carácter histórico do paseo arborizado da Corredoira e o seu contorno transformándoo nun espazo peonil”.
En concreto o proxecto propón a creación dunha praza lonxitudinal e define un espazo peonil restrinxido á circulación de vehículos. A rúa Augusto González Besada configúrase coma “un bulevar arborizado que será o acceso principal a todo o conxunto histórico”. Establécese a substitución dalgúns pavimentos, instalación de xardinería, substitución de mobiliario urbano e renovación de servizos centrándose no soterramento das liñas de alumeado, electricidade, telecomunicación e abastecemento.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na autorización da humanización do Paseo da Corredoira establece coma condicións a realización dun control arqueolóxico nos movementos de terra, definir no proxecto o emprego de bordos de granito delimitando as áreas de rodadura, elixir pedras con tons e granulometrías similares, executar os alcorques e xardineiras in situ enrasados co novo pavimento.
Tamén recolle que se volverá solicitar autorización de precisar solucións singulares empregando pavimentos de formigón ou outro material non contemplados no proxecto volverase solicitar para os materiais e estruturas a empregar nos sistemas de ocultación das áreas destinadas á recollida de residuos urbanos.