“Solo” é o título do espectáculo que Roi Borrallas presenta este venres, ás 19:00 h no Teatro Municipal de Tui.
No mesmo combina monicreques, manipulación de obxectos, máscaras…nun escenario convertido en camerino no que un espello separa ou conecta ao artista do público. Coreografías faciais, máscaras con escuma de afeitar,óperas épicas… son algunhas das ferramentas que utiliza Roi Borrallas nesta peza para, a través do humor, falar da soidade e das máscaras que todos nos poñemos a diario. Ao longo dos 45 minutos da función desdebúxase a fronteira entre o escenario e a vida real para amosarnos coma é un pallaso cando ninguén o ve.
Roi Borrallas por “Solo” recibiu o Premio á Mellor Interpretación FETEN 2023 e o premio Zircolina ao Mellor Espectáculo de Pallasos 2022.
O espectáculo vai dirixido a público familiar e as entradas están á venda até dez minutos antes do inicio, en tui.gal aos prezos de 5€ e 3,5€.
A tudense Uxía R.M. presenta por vez primeira a súa obra artística
Tamén en Tui inaugurouse este xoves, na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio “Francisco Sánchez”, a exposición “Natural artificial” da tudense Uxía R.M.
Esta é a primeira vez que esta artista presenta a súa obra nunha mostra. Na exposición reúne unha selección de obras realizadas dende que comezou a carreira de Belas Artes ata a actualidade. Na mesma presenta os seus traballos en disciplinas artísticas: principalmente pinturas acrílicas o ao óleo pero tamén fotografía e debuxo.
Uxía R.M é unha artista de 25 anos, orixinaria de Randufe, Tui. Ao terminar bacharelato realizou o ciclo de xestión de vendas e espazos comerciais pero a súa paixón sempre foi a arte, así que realizou a carreira de Belas Artes en Pontevedra.
Foi na facultade onde pouco a pouco descubriu cara onde quería que se dirixira a súa produción artística.
Nas obras desta exposición Uxía R.M. explora o mundo dunha maneira distinta, centrándose nos detalles máis pequenos que pode observar a simple vista, e en como conviven o natural e o artificial. Poderíase dicir que a súa obra é unha forma de mostrarmos a súa maneira de ver o mundo.
Uxía Rodriguez comenta que “o nome da exposición ven dado por unha das obras máis relevantes da exposición, un conxunto de 10 pinturas que formaron o TFG da artista. Aínda que nun principio era o nome de unha obra concreta decidiu resignificalo para toda a exposición en parte por que o TFG foi o culmen do seu paso pola universidade, pero tamén porque como nos ensinou René Magritte na sua obra Ceci n’est pas une pipe (Esto non é unha pipa) unha pintura non é o que representa, así por moito que as obras representen elementos naturais a pintura e artificial. Así esta exposición pretende principalmente dúas cousas, ser unha recompilación de obras, e mostrar e facer reflexionar sobre o Natural e o artificial, sobre onde están os límites que separan estes conceptos”.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, congratulouse de acoller a mostra desta moza tudense que abre así a súa andaina no mundo da arte, cunha proposta moi persoal.
Unha das principais misións deste espazo expositivo do Concello de Tui é apoiar e promover aos artistas tudenses e moi especialmente aos novos valores que poidan atopar nesta sala un lugar onde amosar a súa capacidade creativa.