En concreto, o arquitecto indica que o desentullo total da zona cero, o derrubo de tres segundas plantas de tres edificacións e a consolidación dos muros que dan a viarios públicos se poden acometer por vía de emerxencia por considerar que a situación na que se atopan supoñen un “grave perigo inminente”.
Logo deste informe, a semana que vén o Concello recibirá o proxecto coas modificacións necesarias para que teña cabida a vía de emerxencia. Tras isto serán solicitados tres ou catro orzamentos dos traballos a realizar co obxectivo de que os labores poidan comezar en xaneiro.
Con esta documentación no pleno ordinario, o alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanza que se proporá a declaración de emerxencia para adxudicar directamente as obras, habilitar o crédito preciso para realizar os traballos, e adxudicar as obras á unha das empresas que presenten orzamento.
Tamén se porá sobre a mesa un acordo unánime da Corporación solicitando ao Goberno central o compromiso formal para financiar estes traballos. O alcalde considera que é preciso este paso xa que aínda que o Concello de Tui será quen adiante os cartos necesarios para realizar estes traballos, ter que asumir esa contía sen ter a seguridade de recuperar o investido suporía hipotecar a realización doutros proxectos na cidade.
Máis material explosivo
Por outra banda, a Garda Civil continuou co seu labor de inspección de novo material explosivo na pirotecnia La Gallega, situada na parroquia de Baldráns.
Este venres pola mañá, os cans de rastrexo do Servizo Cinolóxico atoparon un quilo de pólvora e pequenos restos de morteros e petardos.