A Xunta de Goberno Local do Concello de Tui aprobou as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas ao abeiro do programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia, chamado ‘Reactiva Tui’.
En total, suman 93.168 euros con achegas de até 1.000 euros por solicitante destinadas a facer fronte aos gastos de aluguer do local comercial, ao investimento preciso para a transición ou optimización do comercio en liña, así coma para a incorporación das medidas de prevención establecidas ou para acondicionar os locais comerciais á actual situación de pandemia.
Estas primeiras 108 subvencións aprobadas pertencen aos establecementos e persoas autónomas que cumprimentaron en tempo e forma toda a documentación requirida para xustificar a solicitude presentada. Este número poderá incrementarse nas próximas semanas xa que hai solicitantes, que figuraban na listaxe A que cumprían os requisitos establecidos nas bases aprobadas en pleno no mes de maio, pero aos que lles faltaba por presentar documentación, que logo de ser requirida deberán presentar no prazo establecido. O Concello comunicará nos próximos días as axudas aprobadas e propostas para pago.
Tui destinou ao programa ‘Reactiva Tui’ 280.000 euros para sufragar os gastos de empresas e persoas autónomas que permaneceron sen actividade durante a estado de alarma. A concelleira de Comercio, Ana María Núñez, explica que “o fundamental e chegar a tempo”. “Somos conscientes que non é a salvación de ninguén senón unha humilde axuda que nestes momentos chegará como auga de maio, o importante agora é que a administración autonómica se sume e complemente a aportación”, engade.