O alumnado do Obradoiro dual de Emprego “Revaloriza Tui ” vén de rematar a restauración do Lavadoiro do Souto en Guillarei. Foi un traballo conxunto realizado polos alumnos a alumnas das dúas especialidades deste proxecto formativo Colocación de Pedra Natural e Montaxe e Instalación de Construcións de Madeira.
En marzo completaran xa a restauración do lavadoiro de Laxes en Randufe. Agora tras concluír estes dous primeiros traballos o alumnado avanza na restauración do Lavadoiro de Fontenla en Areas e da fonte de Albelos en Guillarei.
O obradoiro iniciou a súa actividade en outubro de 2021 formando, durante nove meses, a vinte persoas nas dúas especialidades con que conta esta acción de formación e emprego.
Ao remate do proxecto o alumnado recibirá o correspondente certificado de profesionalidade tras completar a súa formación. O Obradoiro dual de emprego “Revaloriza Tui 2021” foi concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade ao Concello de Tui, sendo financiado pola Xunta e cofinanciado polo Concello de Tui.