A Eurocidade Tui-Valença emitiu este venres unha “chamada de socorro” para que se reabra de xeito inmediato a vella Ponte Internacional. Representantes de ambas vilas escenificaron pola mañá unha protesta para lembrar aos gobernos de España e Portugal que o peche de fronteiras “está a causar un grave prexuízo á economía en xeral e aos traballadores transfronteirizos en particular”.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, solicitou que se permita “cando menos ao tráfico local e coas medidas oportunas” e explicou que “todos asumimos dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica”. Sinalou Cabaleiro que “esa unha única realidade se está vendo seriamente ameazada polo retraso na apertura dos pasos fronteirizos”.
Ante os medios de comunicación das dúas beiras, o rexedor tudense detallou as consecuencias de ter un único paso fronteirizo aberto “está provocando disfuncións, colas, está dificultando a mobilidade de persoas e vehículos, e iso é un factor máis para poder avanzar na recuperación económica” nos territorios transfronteirizos. Afirmaba que “estamos nunha situación moi crítica porque temos unha casuística propia e nosa viabilidade económica depende en gran medida dos clientes dun ou doutro lado da fronteira”. Apuntaba amais que a gravidade da situación queda plasmada no feito de que dos sete pasos fronteirizos máis transitados da península cinco están en Galicia e só un –a nova Ponte Internacional- está aberto.
Pola súa banda, o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, puxo o acento en que Galicia e o Norte de Portugal son un único pobo, responsabilizando aos gobernos de Lisboa e Madrid das consecuencias que poderá ter nas economías deste territorio manter o único paso na nova Ponte Internacional
Tamén poñía sobre a mesa dúas preguntas sobre se os gobernos teñen coñecemento das dificultades económicas, sociais e morais, e en especial do comercio, restauración, hostalería e industria, e se teñen un plan de apoio ás actividades económicas para esta rexión. “Os nosos gobernantes serán responsables da perda de emprego dos traballadores transfronteirizos”, concluía Lopes.
Lopes afirmou que “estamos ante un pobo tranfronteirizo cuxas economías locais dependen entre un 80% e un 90% da apertura da fronteira”. “Non estamos solicitando aos nosos gobernantes traballo, estamos a pedir que nos deixen traballar”, engadiu. Dirixíndose a Portugal e España, subliñou que “Portugal non é só Lisboa, e España non é so Madrid” polo que os convidaba a achegarse á raia.