O punto de partida é unha das principais novidades deste ano, xa que os Reis chegan a Valença en tren. Está previsto que ás 16.00 horas Melchor, Gaspar e Baltasar arriben á estación de ferrocarril de Valença, onde serán recibidos polas autoridades municipais. A continuación, haberá unha pequena escenificación.
Ás 17.00 horas iniciarase o percorrido da Cabalgata polas avenidas do Colexio Portugués, avenida de Miguel Dantas, rotonda da Trapicheira, avenida de Espanha e antiga ponte internacional –onde está previsto que cheguen ás 18.00 horas-, para continuar xa en Tui pola avenida de Portugal, Martínez Padín e a rúa Augusto González Besada ata chegar ao paseo da Corredoira sobre ás 19.00 horas.
A rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e o grupo de cantos de reis tradicionais da Asociación Santa Columba de Ribadelouro porán á nota musical. Acompañarán tamén ás súas maxestades as carrozas de Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Xuntanza de Randufe e Valença. Os Reis Magos irán en tres maxestosas carrozas acompañados polo seus paxes. Participan tamén no desfile o tren turístico, os Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença, a GNR, o grupo Scouts Alhoia, Protección Civil de Tui e a Policía Local de Tui.
No Belén vivinte, no Paseo da Corredoira diante do Palco da Música, farase a ofrenda ao neno Xesús e se dará lectura á mensaxe real. Alí, Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán aos nenos e nenas con caramelos, sen glute e sen alérxenos, recibirán aos pequenos e pequenas que desexen saudalos. Ao longo dos 3,5 quilómetros de percorrido da cabalgata repartiranse 1.500 quilos de caramelos.
Visita as residencias
Ademais, este venres, 4 de xaneiro, os Reis Magos, os seus paxes e as autoridades municipais, xunto a Rondalla de Pexegueiro, visitarán as residencias de maiores de Tui. As 10.45 horas estarán na residencia Paz e Ben e as 11.45 horas na residencia San Telmo. Pola tarde se achegarán tamén a visitar aos maiores de Valença.