As bases reguladoras para a concesión destas axudas contemplan prestacións de carácter económico para situacións de emerxencia social para os damnificados pola explosión de Paramos.
En concreto contémplanse achegas de ata un máximo de 3.200 euros para a mellora da habitabilidade da vivenda habitual por destrución ou danos nos aveños domésticos de primeira necesidade afectados pola explosión; ata un máximo de 2 mil euros para necesidades básicas de alimentos, vestiario e calzado, gastos sanitarios ou sociosanitarios e até un máximo de 3 mil euros para a adquisición ou aluguer de vehículos ou gastos de desprazamento en transporte público.
Nos criterios de valoración terase en conta os ingresos netos da unidade familiar, recolléndose que cando os ingresos anuais netos non superen o IPREM incrementado nun 100% para unidades familiares dun ou dous membros, no 140% para unidades de tres ou catro membros, no 180% para unidade familiares de máis de catro membros, concederase até o 100% das axudas establecidas, mentres que se se supera en dúas veces e media esas cantidades non haberá dereito a subvención.
Estas bases reguladoras serán aprobadas o próximo luns, 11 de xuño, na Xunta de Goberno Local.
Por outra banda, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosou aos representantes da Asociación de Afectados Paramos-Guillarei a súa disposición a acudir ás asembleas que celebren con veciños para clarexar as dúbidas que estes poidan ter.