Dende o luns no Centro de Atención aos afectados no Centro de Formación Municipal haberá un gabinete urbanístico exclusivamente dedicado á atención aos afectados con parte técnica e xurídica. Os Servizos Sociais continúan a traballar na reubicación das familias afectadas que non poden volver as súas vivendas. Sobre este asunto faise un chamamento aos veciños de Tui que teñan vivendas baleiras habitables que poidan polas a dispor para alugar aos afectados.
Este sábado reuniuse no Centro de Afectados o Gabinete de Crise integrado por unha trintena de persoas entre representantes do Concello, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, forzas de seguridade e técnicos das tres administracións, para avaliar a situación neste momentos e acordar os seguintes pasos a seguir na atención aos afectados. A intención é que ao gabinete de crise – que se reunirá semanalmente – se incorpore tamén o goberno central.
Neste gabinete de crise deuse conta do reforzo do dispositivo de seguridade na zona cero, ao que dende esta tarde se incorporan membros do GRS da Garda Civil, sumándose aos efectivos que se están traballando na zona da propia Garda Civil, Policía Local e Policía Autonómica. As forzas de seguridade confirman que até o momento non se presentou ningunha denuncia por roubo ou furto na zona afectada.
Ao fronte deste gabinete de crise está o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, formando parte do mesmo as distintas administracións e forzas de seguridade.
Colaboración cidadá
Por outra parte hai aberta unha conta en Abanca ES80 2080 7208 3385 3000 7122 para todos os que desexen realizar unha doazón para os afectados. Hai habilitada unha conta de correo electrónico afectadostui@concellotui.org e un teléfono 986 60 39 49 para os propios afectados, e para os que desexen colaborar pondo vivendas en alugueiros.