O Concello de Tui convoca o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de San Telmo 2020, a celebrar do 11 ao 20 de abril.
A convocatoria está aberta a artistas plásticos, creadores ou persoas interesadas que terán de prazo até o 29 de febreiro para presentar un máximo de tres obras orixinais e inéditas. Nas mesmas deberá figurar «Festas de San Telmo, Tui, de 11 a 20 de abril de 2020. Festas declaradas de interese turístico galego”. Tamén o escudo oficial da cidade de Tui, xunto ao nome da entidade, Excmo. Concello de Tui.
O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e as festas de San Telmo”. Debe reflectir os valores de devoción, participación popular, tradición secular, accesibilidade universal á festa e á cultura, igualdade e proxección da cidade. Así, nas bases recóllese que “estes obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo coa marcada orientación publicitaria e artística, tanto das festas como da propia cidade de Tui”.
Tamaño, premio e bases
O carteis, de 50 x 70 centímetros, poderán ter técnica e cores libres, pero a impresión do gañador realizarase en cuatricromía. Presentarase baixo lema no rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Municipal. Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e impreso sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal.
Establecese un único premio de 700 € e diploma e con todos os carteis presentados a concurso realizarase unha exposición. As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal.
Hai un ano, as festas contaron coas actuacións de Blas Cantó, a orquestra Mondragón e Patricia Moon, ademais dos tudenses Mi Calip’s e Factor 50.