Ata o campo desprazouse un técnico municipal, que despois de revisar o estado da cuberta aconsellou o seu peche ata ter analizado con detalle os motivos dos desprendementos e a súa perigosidade.
No seu informe fai constar que a estrutura da bancada presenta graves deficiencias e os desprendementos se terían producido pola corrosión das armaduras de aceiro. Segundo se desprende do estudo realizado polo técnico municipal semella que esta corrosión tense producido polas filtracións na cuberta e polo pouco recubrimento de formigón co que contan esas armaduras, provocando todo isto unha perda de sección dos elementos estruturais principais e unha diminución da capacidade portante da estrutura.
Así, aconséllase tamén nese informe realizar os estudos previos necesarios por parte dunha empresa especializada, que determinarán o alcance da intervención necesaria que ben pode ser a simple reparación das filtracións, a reparación e reforzo da estrutura ou a demolición da mesma, debendo valorar tamén o alcance económico das obras a levar a cabo e analizando se é máis viable economicamente a demolición, a reconstrución ou a reparación.
O público, nos laterais
Durante o tempo que dure o precinto o público asistente ó Álvarez Durán terá que seguir os partidos dende os laterais do campo.
Dende o Concello de Tui, o seu alcalde Carlos Vázquez Padín, asegurou que se van tomar as medidas necesarias para garantir a seguridade do público nos partidos de fútbol e que se vai a priorizar a análise e a toma de decisións para solucionar canto antes este problema e que o público poda volver as gradas do Álvarez Durán.