Mentres a hostalería de cidades como Vigo segue agardando por un suposto plan de rescate anunciado polo Concello, municipios como Tui xa lanzaron axudas directas e agora presentan unha guía cos locais que proporcionan servizos de entrega a domicilio e recollida no establecemento. A administración local está a elaborar un directorio con todos os negocios hostaleiros e de restauración que ofertan estas opcións. O obxectivo é aglutinar nun único espazo as alternativas gastronómicas e ao tempo apoiar a este sector nestes duros momentos.
Esta nova guía estará a disposición dos consumidores tanto en formato dixital a través da web municipal tui.gal coma nas redes sociais municipais. Ademais, poderá consultarse en formato físico cuns folletos que se repartirán a través do comercio local.
Os establecementos que desexen figurar na guía deberán cumprimentar “á maior brevidade posible” o formulario accesible en tui.gal. A guía dixital irase actualizando diariamente, pero para a edición impresa é preciso contar con todos os datos este xoves para poder proceder a súa pública e distribución no menor prazo de tempo posible.
Amais da guía de servizos, a través da plataforma do comercio local ÉTui ofrécese aos establecementos de restauración o servizo de loxística para o reparto dos pedidos. Precisamente ÉTui contará cun espazo específico para este servizo de entrega de comida onde os consumidores poderán realizar o seu pedido e recibir os produtos seleccionados sen saír do seu domicilio.