O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financiará a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui para a súa adaptación a usos museísticos achegando 586.530 euros, unha cifra que representa o 75% do custo total das actuacións.
A Comisión Mixta do 1,5% Cultural, presidida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e composta por representantes de Mitma e do Ministerio de Cultura e Deporte, elevou este martes unha proposta para financiar cinco novas actuacións -entre as que se atopa a obra tudense-, como consecuencia da convocatoria publicada en xaneiro de 2020.
A resolución provisional permitirá continuar co procedemento até a adopción da resolución definitiva, condicionada á aprobación dos proxectos e ás achegas financeiras comprometidas. A partir desta resolución provisional os participantes dispoñen de 10 días para aceptar a axuda e de 90 para presentar toda a documentación. Cabe destacar que en tanto non se notifique a resolución de concesión definitiva ao futuro beneficiario, non se creou ningún dereito a favor do mesmo.
O programa do ‘1,5% Cultural’ é a principal ferramenta da Administración Xeral do Estado para responder ao mandato constitucional polo que os Poderes Públicos deben garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran.
Para ese fin a Lei de Patrimonio Histórico estableceu a porcentaxe mínima do 1% a aplicar sobre o orzamento das obras públicas que se executan pola Administración do Estado. Máis aló desa obrigación, o Mitma (antes Ministerio de Fomento) ampliou en 2014 a súa achega a este obxecto do 1% ao 1,5% do orzamento das obras que licita.