O acto de homenaxe, organizado polo Concello de Tui, contou coa presenza da súa viúva Mary e dos seus fillos Cormac e Órla, xunto a un bo número de amigos do poeta chegados dende Irlanda, así coma do cónsul honorario de Irlanda en Ferrol, Tomás Antón Díaz del Río, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín.
No comezo do acto o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, agradeceu a presenza da familia de Danny Sheehy en Tui, lugar ao que se dirixía na súa “singladura truncada” ao tempo que lembrou coma nas singladuras atlánticas e o Camiño de Santiago atraen dende hai séculos a persoas das illas británicas cara a nosa terra.
Corman Sheehy agradeceu a celebración deste acto en memoria do seu pai, indicando que un acontecemento coma o que tivo ten tamén cousas fermosas coma este homenaxe. O consul honorario de Irlanda en Ferrol, Tomás Antón Díaz del Río sinalou coma desafortunadamente o poeta “atopou a súa viaxe final aquí” ao tempo que lembrou as similitudes entre Galicia e Irlanda.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, tivo palabras de lembranza para os veciños de Paramos despois da “enorme traxedia vivida”. Ao tempo que agradeceu a presenza da familia da Danny Sheehy, dos seus amigos e de Rodrigo Arbones, que ten sido o canalizador resultar fundamental do interese en establecer lazos entre Tui e Irlanda. Explicou que dende o “Concello de Tui cremos que debiamos lembrar a Dany porque no momento do seu pasamento se dirixía a nosa cidade dentro da súa ruta xacobea”, e engadía que “ese non é o único motivo, xa que a súa figura é xa un símbolo do camiño, da súa significación da unión dos pobos, neste caso particular de dous pobos, o galego e o irlandés”. Afirmaba o rexedor que “hai moitas cousas que nos unen aos galegos e aos irlandeses, as similitudes das nosas músicas tradicionais, a nosa cristiá e católica tradición, a paixón pola navegación, pola náutica e temos tamén un vínculo lendario a través da dinastía do rei Breogán”. E concluí amosando o seu convencemento de que “este é un primeiro paso para que dende Tui poidamos contribuír a esta aproximación entre Galicia e Irlanda que tan proveitosa pode ser para todos. Este é o comezo dunha verdadeira e forte amizade”.
Sete membros da banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei ofreceron unha peza celta e outra galega. E tras o descubrimento da placa amigos de Danny Sheehy interpretaron unha canción irlandesa, e un amigo recitou un dos poemas do escritor falecido.