A iluminación de Nadal nas rúas tudenses manterase ata finais deste mes de xaneiro, co obxectivo de apoiar así ao comercio local no período de rebaixas. Así o vén de decidir o Concello co obxectivo de «favorecer a actividade do comercio local».
A programación festiva en Tui comezou o pasado 7 de decembro (en Vigo foi o 24 de novembro) co acendido do alumeado de Nadal. Foi na praza da Inmaculada nun acto no que contou coa actuación da rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.
Carlos Vázquez Padín avanzou entón que a comezos de ano sairá a licitación a instalación durante varios anos do alumeado das Festas de San Telmo e de Nadal. Explicaba o rexedor tudense que coas actividades previstas ao longo destas datas se busca “dinamizar a rúa e o comercio local, e dar unha alternativa de lecer durante o período de Nadal”, ao tempo que se ten un xesto solidario cos veciños de Paramos e Guillarei afectados pola explosión do 23 de maio.
O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, destacou precisamente a pista de xeo ecolóxica o que supón que terá moito menor consumo, é máis respectuosa co medio ambiente. Juan Carlos Blanco, presidente de Acitui, indicou que o obxectivo das actividades organizadas, nomeadamente a pista de patinaxe, perseguía animar as datas festivas na cidade.
Pablo Domínguez da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei agradeceu o xesto solidario cos afectados.