O Concello de Tui advertiu este martes de que os parques infantís da vila permanecen pechados e precintados, tal e como sucede en Vigo, polo que non se pode acceder aos mesmos malia a autorización emitida o sábado pasado pola Xunta de Galicia a través do DOG.
O consistorio tudense lembrou que a normativa establece que estes espazos deben contar con plenas garantías sanitarias pero a administración local aínda non puido acometer as actuacións necesarias para elo.
Nos próximos días instalaranse columnas de hidroxel e carteis coa normativa de uso “nos accesos aos parques máis frecuentados”, pero o Concello avisa de que “o control do aforo e a desinfección que tería que levarse a cabo non é asumible” para as arcas municipais. Así o explicaba o alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalando que “a competencia de reapertura é municipal pero se fixan uns criterios de índole sanitaria que cumprilos por parte dos concellos é sumamente difícil e suporían un custe inasumible”.
Dende o consistorio constatouse que este luns “houbo persoas que romperon os precintos existentes e accederon a estas instalacións, unha conducta que poderá ser sancionada pola Policía Local”. Reiteraba Enrique Cabaleiro que “seguimos nunha situación de alerta sanitaria, debemos extremar as precaucións” e mentres non se dean “as condicións necesarias ou os parques non dispoñen dos elementos precisos para a súa utilización non se poden nin se deben empregar”.
Neste senso, o rexedor tudense asegura que o Concello vai ser estrito e levará a cabo unha vixilancia constante e permanente dos parques. “Neste momento a actuación municipal débese guiar pola prudencia e a do conxunto dos veciños a responsabilidade”, apunta o alcalde de Tui.